martes, 11 de marzo de 2008

CONCENTRACION PARCELARIA VERSUS CONSERVACIÓN DA PAISAXE

Vai xa bastantes anos desde que se decidiu que o minifundio galego non era válido. Que había que concentrar parcelas. Era necesario facer explotacións que foran rendibles dentro do marco da economía capitalista. Aí comezou a historia de moitas das desfeitas que se levaron a cabo en Galicia. A concentración parcelaria iniciou o seu camiño sen ter en conta para nada o valor que na paisaxe galega tiña o en tramado parcelario, as seves, os regos, o monte... Era necesario concentrar e para iso comezouse unha laboura de destrución dunha parte importante do noso patrimonio. Calquera que visite os lugares onde se fixo a concentración parcelaria será testiño do que estou a dicir. Arrasáronse cos vellos camiños, abríronse novas pistas que, na meirande parte dos casos, nada tiñan que ver coas necesidades reais do movemento dos tractores.
A concentración parcelaria ou., mellor, os seus camiños convirtíronse en máis dunha ocasión en rúas a carón das que se construíron edificacións que, en absoluto tiñan que ver coa actividade agraria. Na costa, especialmente, a concentración parcelaria serviu en máis dunha ocasión en medio de penetración da urbanización; no cámbeo da cabana para apeiros de labranza a chálete con vista ao mar.
Algún día habería que facer a historia da concentración parcelaria galega e ver en cantos lugares favoreceu a actividade agraria ou gandeira dos viciños –que si se dou- e cantas veces favoreceu a especulación –que habela hóuboa.
E, como nada tivera cambiado neste país, hoxe en día, tras ser aprobada no ano 2001 se os meus datos non me fallan, ponse en marcha unha nova concentración en Rairiz de Veiga. E fai se seguindo as mesmas pautas que antes: corta total das vellas árbores, destrución das seves e, non haberá que agardar moito, grandes pistas para que poidan circular os grandes tractores, seguro que moi numerosos, dos viciños. Un xa non sabe se chorar ou mandar todo o carallo.
Posiblemente, nalgúns lugares, sexa bo concentrar as terras. Sen embargo sería necesario facelo mantendo o maior número de elementos indicativos da paisaxe. Conservar as especies protexidas ou os vellos camiños de carro –hoxe perfectamente utilizables para sendeirismo- partindo da idea de que o en tramado parcelario galego é un patrimonio e que como tal é necesario manexar con moito tino.
Non sei si se fixo ou non algún estudo de impacto; realmente non sei si nin sequera é necesario legalmente –aínda que de non ser así debería selo- Sen embargo o que non é de recibo e que se sigan a facer as cousas como hai co arenta ou cinco enta anos. ¿Onde están os cambios na política ambiental e territorial deste país?. A verdade e que, con moita frecuencia, penso que en ningures

No hay comentarios: