lunes, 2 de julio de 2007

Paisaxe e territorio

Non cabe dúbida de que a paisaxe é a plasmación perceptual das interrelacións entre a dinámica terrestre e a actividade humana. Por iso, en función das variables climáticas, topográficas ou bioxeográficas e, por suposto, da evolución social e histórica que se dou en calquer lugar, as paisaxes teñen un ou outro aspecto. Tradicionalmente falábase, por vía de exemplo, de paisaxes rurais ou urbanas; de montaña ou de costa; de rexións tropicais ou templadas. Era un xeito descritivo de caracterizar as paisaxes que, na súa meirande parte, considerábanse máis escenarios estáticos, imaxes quedas, que o que son na realidade: entes dinámicos en continuo cámbeo.
Aquela visión estática é a que está a dominar na actualidade en moitos eidos da planificación territorial. Hai a tendencia a facer inventarios das paisaxes basean dose en elementos perceptivos e, cá seque nunca, naqueles máis dinámicos. Posiblemente esta visión se deba a que é máis fácil describir que explicar; enumerar elementos que anotar interrelacións. Isto pode provocar, por unha banda, un exceso de fis calidade respecto á paisaxe ou, por outra, pensar que aquelo que non se ve non é importante. Así sería grave non permitir que se introduzan novos elementos construtivo que resalten na paisaxe por mor da defensa dunhas construcións tradicionais que, n moitos casos, non cumplen a función que tiñan na antigüidade. Por contra, pódense permitir cámbeos na circulación da auga subterránea, con un exceso de extraccións que, necesariamente, implicaría cámbeos na cobertoira vexetal.
É complicada delimitar que é o estrutural e que é o textural nas paisaxes; é difícil marcar os límites do permitido e do prohibido; do que facer e do que non. Parece craro que non podemos pecharnos o desenvolvemento das actividades agrarias e gandeiras mais si a cal quer tipo de construción; non a un manexo da auga diferente que no pasado mais non calquera. E por iso sen dúbida é necesario definir os elementos de cada paisaxe que permitan sinalar conceptualmente as diferentes actuacións. É importante orientar de xeito flexible as actuación co gallo de acadar novas paisaxes integradas que contribúan á construción de territorios, armónicos e perceptualmente atraentes.
Para acadalo é necesario contar na planificación con especialistas na materia; con biólogos, arquitectos, enxeñeiros, xeógrafos, historiadores... Tratase dunha tarefa complexa á que hai que achegarse con moito tino e con moita formación. Temo, e datos hai para temer, que a paisaxe estase a converter nun bocado atraínte e iso pode provocar a chegada dos arribistas de sempre; daqueles que lles interesa máis acadar unha fonte de ingresos que planificar de xeito racional o espazo. O resultado sería seguir destruíndo o territorio en vez de impulsar a súa transformación cara postulados de maior racionalidade.

lunes, 26 de marzo de 2007

O cámbeo climático chegou a Vigo

Xa saben os que len este blog que unha das miñas teimas é a do cámbeo climático/cámbeo ambiental. Xa saben que eu sigo sen ter claro cal é o papel dos seres humanos nas modificacións climáticas aínda que, iso xa o manifestei en diferentes ocasións, as modificacións ambientais que ten sufrido o noso planeta foron enormes e iso a ben seguro está a afectarnos a todos.
Sen embargo, como demostración de que os que din que Galicia vai ter un clima mediterráneo no futuro está a Praza da Independencia en Vigo. O outro día ao pasar por alí quedei realmente abraiado e, ao tempo, feliz de que, ¡por fin!, tivera datos que me quitaran do meu erro de pensar que o futuro sempre é impredicible. Diante dos meus ollos tiña a mostra do cámbeo, a imaxe da chegada a Galicia dos ambientes climáticos mediterráneos. Eu diría máis, tiña diante dos meus ollos as evidencias da chegada dun clima semiárido: palmitos e outras plantas adaptadas a sequedade aparecían ocupando toda a praza viguesa. E, o que foi para min máis sorprendente e que non so estaban as plantas –que eu non coñezo polo nome na súa totalidade- tamén estábanos os solos pedregosos nos que dominan cantos rodados en medo duna paisaxe de cemento.
Deixando a broma á beira, coido que, unha vez máis estamos a bailar fora da pista de baile como noutros casos. Posiblemente a razón da plantación de especies adaptadas a clima áridos, estea ben nunha razón estética discutible, ben no feito de que non precisan moita auga e poden sobrevivir en recipientes estreitos e con pouco solo. Sen embargo eu sego a pensar que sería moito mellor encher os caixóns de plantas autóctonas perfectamente adaptadas a seca e que ofrecen unha grande variedade de tonalidades na época da súa floración. Estou a pensar nos érbedos, nas lavandas, nas queirugas ou nas xestas, plantas abondosas na Galicia máis mediterránea –bioxeográficamente- resistentes e, a bo seguro, moito máis baratas que as que se trouxeron de fora.
Non é a primeira vez que vexo cousas deste tipo. O gosto polas palmeiras ou polas oliveiras está presente en Galicia dende hai moitos anos. As oliveiras están presentes en moitos lugares dende hai séculos e, incluso, nalgunhas comarcas do sur seguen a producir aceitounas e, consecuentemente, aceite. As palmeiras tamén son frecuentes nos parques e son un elemento realmente fermoso. O problema e cando se plantan palmeiras nos paseos marítimos ou nos miradoiros a carón do mar. Incapaces de resistir o vento e a salitre, duran pouco co que se está a estragar diñeiro innecesariamente. E aquí está o problema: o non adaptar as plantas aos contornos e, especialmente, en non usar, cando é posible, as autóctonas á realidade urbana do país. Posiblemente as plantas da Praza da Independencia viguesa -como doutras prazas ou ruas que non coñezo- sobrevivan. Sen embargo eu nonas tería plantado alí. Todo, como é evidente, é opinable.

jueves, 1 de febrero de 2007

Agora a procesión pasa por Ponzos

No Hemisferio Austral, na Tierra de Fuego, na cidade de Ushuaia, un lugar dende o que acceder a áreas de enorme valor paisaxístico e natural, veño de saber polos xornais, da proposta do goberno galego de permitir a instalación dunha nova granxa mariña en Ponzos en Ferrol.
Coñezo ben a zona por que en Ferrol pasei moitos anos da miña vida e porque Ponzos foi unha das áreas estudadas por persoas do meu grupo de investigación. Trátase dunha área dunha enorme beleza xa ameazada no seu intre por un proxecto de concentración parcelaria que nada tiña que ver coas actividades agrarias e moito cos intereses especulativos. É un areal amplo, lixeiramente curvado, adosado a un alto cantil labrado no rochedo e, cousa importante, nos depósitos sedimentarios acumulados durante o derradeiro período frío.
Se ben é certo que na área houbo unha explotación mineira de ouro, nono é menos que se trata dun paraxe dun grande valor natural, paisaxístico e xeomofolóxico; neste caso tanto polo interese dos cantís de Ponzos como polos do Casal ou dos Montes das Lagoas que está un pouco máis o norte e, por suposto, polos sedimentos que non so son “terra” senón un verdadeiro arquívo paleoclimático e paleoambiental.. Por suposto a todo o anterior hai que engadirlle que é un dos areais máis visitados polos ferroláns, xunto con Sartaña ou Santa Comba, situados máis ao sur. Temos pois que os valores paisaxísticos/xeomorfoloxícos/paleoambientais, hai que engadirlle o valor social da área.
De novo estamos ante o resultado da falla dun plan director ou de ordenación do litoral. O goberno galego está de procesión dun lugar a outro en vez de parar, analizar detidamente a costa e decidir en que lugares, nos que as condicións o permitan, se poderían empreñar para as granxas. Hoxe non é tan complicado facelo. Teledetección, fotografía aérea e, por suposto, traballo de campo de biólogos, xeólogos, xeógrafos… Nuns meses, se se quere, podería estar lista un SIX no que apareceran reflectidas as diferentes capas de información referentes a todas e cada unha das variábeis e unha proposta daqueles lugares no que os impactos –que sempre os hai como en calquera actividade humana- é menor.
Coido que o tema non é tan complicado. ¿Ou si?.