lunes, 26 de marzo de 2007

O cámbeo climático chegou a Vigo

Xa saben os que len este blog que unha das miñas teimas é a do cámbeo climático/cámbeo ambiental. Xa saben que eu sigo sen ter claro cal é o papel dos seres humanos nas modificacións climáticas aínda que, iso xa o manifestei en diferentes ocasións, as modificacións ambientais que ten sufrido o noso planeta foron enormes e iso a ben seguro está a afectarnos a todos.
Sen embargo, como demostración de que os que din que Galicia vai ter un clima mediterráneo no futuro está a Praza da Independencia en Vigo. O outro día ao pasar por alí quedei realmente abraiado e, ao tempo, feliz de que, ¡por fin!, tivera datos que me quitaran do meu erro de pensar que o futuro sempre é impredicible. Diante dos meus ollos tiña a mostra do cámbeo, a imaxe da chegada a Galicia dos ambientes climáticos mediterráneos. Eu diría máis, tiña diante dos meus ollos as evidencias da chegada dun clima semiárido: palmitos e outras plantas adaptadas a sequedade aparecían ocupando toda a praza viguesa. E, o que foi para min máis sorprendente e que non so estaban as plantas –que eu non coñezo polo nome na súa totalidade- tamén estábanos os solos pedregosos nos que dominan cantos rodados en medo duna paisaxe de cemento.
Deixando a broma á beira, coido que, unha vez máis estamos a bailar fora da pista de baile como noutros casos. Posiblemente a razón da plantación de especies adaptadas a clima áridos, estea ben nunha razón estética discutible, ben no feito de que non precisan moita auga e poden sobrevivir en recipientes estreitos e con pouco solo. Sen embargo eu sego a pensar que sería moito mellor encher os caixóns de plantas autóctonas perfectamente adaptadas a seca e que ofrecen unha grande variedade de tonalidades na época da súa floración. Estou a pensar nos érbedos, nas lavandas, nas queirugas ou nas xestas, plantas abondosas na Galicia máis mediterránea –bioxeográficamente- resistentes e, a bo seguro, moito máis baratas que as que se trouxeron de fora.
Non é a primeira vez que vexo cousas deste tipo. O gosto polas palmeiras ou polas oliveiras está presente en Galicia dende hai moitos anos. As oliveiras están presentes en moitos lugares dende hai séculos e, incluso, nalgunhas comarcas do sur seguen a producir aceitounas e, consecuentemente, aceite. As palmeiras tamén son frecuentes nos parques e son un elemento realmente fermoso. O problema e cando se plantan palmeiras nos paseos marítimos ou nos miradoiros a carón do mar. Incapaces de resistir o vento e a salitre, duran pouco co que se está a estragar diñeiro innecesariamente. E aquí está o problema: o non adaptar as plantas aos contornos e, especialmente, en non usar, cando é posible, as autóctonas á realidade urbana do país. Posiblemente as plantas da Praza da Independencia viguesa -como doutras prazas ou ruas que non coñezo- sobrevivan. Sen embargo eu nonas tería plantado alí. Todo, como é evidente, é opinable.