domingo, 10 de diciembre de 2006

Os problemas da desmesura

Nos últimos tempos vense falando da necesidade de converter a biomasa en enerxía. Este sería un bo xeito de quitar o mato dos montes e dificultar os incendios que, ano tras ano, afectan a Galicia. A medida parece boa... en principio. Digo en principio porque si as plantas que se constrúan non se fan pensando na cantidade de materia existente poderiamos xerar un novo problema: o de querer aumentar a biomasa para deste xeito incrementar a produción. Iso levaría a por en marcha, unha vez máis, a máquina da desmesura: converter o territorio nun espazo onde producir sen máis.
Digo o que digo porque neste país non hai termos medios. Que parece importante por en marcha un plano de enerxías renovables; énchense todos e cada un dos nosos montes de parques eólicos sen pensar en nada máis que nos muíños e nas súas pistas. Non se matina en por os muíños nos lugares onde o impacto ambiental sexa menor; non, érguense por toda Galicia levándose por diante paraxes de grande valor paisaxístico ou etnográfico como A Capelada, ou de enorme valor biolóxico, como O Xistral, por so dous exemplos. O importante é a produtividade. O mesmo aconteceu cos eucaliptos. Dado que é unha madeira de crecemento rápido empregada para a fabricación de pasta, a parte doutros usos, non se planificou por en marcha unha área de produción. Non, ¡viva o eucalipto! E... eucaliptos a tope. O resultado. Está a vista. Imos ter que comer eucalipto.
O mesmo pasa cos parques empresariais ou os portos. O importante non é ir creando solo industrial en función das necesidades reais ou potenciais. Non, en cada concello, un parque; baleiro, en moitos casos. Cos portos, outro tanto. Mentres que en Escocia, por vía de exemplo, seguen a funcionar portos que foron construídos no século XVIII ou XIX sen a penas modificacións, aquí máis e máis peiraos que, en moitos casos so serven para afear a fachada marítima e para levar por diante a lugares de grande valor natural ou paisaxístico a parte de provocar modificacións na sedimentación mariña que, a postre, vai afectar a outros lugares..
En Galicia non houbo ata o intre actual –e non sei si o vai haber- unha filosofía marcada pola necesidade nin, especialmente, pola capacidade de carga do sistema. Estoume a referir a levar a cabo accións que non superen a capacidade do territorio. Por vía de exemplo e tomando como referencia o uso da biomasa para producir enerxía. Tratase de construír plantas que aproveiten o que hai a día de hoxe e non outras que, unha vez postas en marcha, requiran máis e máis materia prima. Tratase de rentabilizar os parques empresariais e non esnaquizar espazo e tirar diñeiro sen necesidade; trátase de aproveitar ao máximo os espazos portuarios antes de por en marcha novas construcións. Pódeseme dicir, dende unha óptica simplemente economicista, que se non hai chan, non hai empresas que queiran vir. Non son economista, pero sei ollar o territorio e comprobar como a construción de parques empresariais hai anos non levou nin unha empresa a mais de un. Senón viaxemos polos de Padrón, Teixeiro, Vilanova de Lourenzá... e podemos comprobar o grao de uso. Incluso no Río do Pozo en Ferrol hai espazo e, aínda así, querían construír un novo parque en Brión, a carón de Ferrol, nun outeiro ao que habería que subir por costas empinadas o que suporían un gasto e un impacto ambiental enorme.
A desmesura, construída en base moitas veces a fondos europeos, materializase en portos, parques eólicos, parques empresariais, casas de turismo rural –mais dunha sempre “ocupada”- pistas e máis pistas, sen esquecer, por suposto, obras como a Cidade da Cultura da que tanto se ten falado que non fai falla reiterar o dito. Faltou unha planificación mesurada, baseada nas necesidades reais e non ilusorias, unha planificación que pensase máis en ir mellorando día a día o país, que facilitara a mellora da vida das persoas. Sobrou despilfarro dos cartos públicos e unha filosofía da sustentabilidade que tivera permitido mellorar o necesario e deixar medrar de xeito repousado o territorio.

miércoles, 6 de diciembre de 2006

De sur a norte... ou de norte a sur

Podería ter sido o revés máis neste caso, fixen a viaxe entre Vigo e A Coruña nun rexional 598 –non sei o por que do nome, a verdade- que tarda en facer o recorrido unhas dúas horas. Ou sexa a unha media que non chega ós 80 km por hora. Un bo exemplo da calidade dos nosos transportes públicos. Por iso cando escoito falar do AVE como se fora a panacea do futuro sempre penso o bo que sería comezar arranxando a rede de transporte interior que é a máis empregada polos galegos antes de pensar en ir a Madrid ou a Porto.
Pero, voltando a viaxe, e deixando á beira a velocidade, a razón da miña reflexión de hoxe é a análise dos lugares, das paisaxes en suma, que se van encadeando entre as dúas grandes cidades de Galicia. E o primeiro que chama a atención é a sucesión de desfeitas materializadas en aldeas estragadas nas que cada casa e do seu pai e da súa nai... construtivo craro, a parte da propiedade. Non hai a máis mínima uniformidade. As vellas casas mariñeiras das rías baixas deixaron o seu lugar a outras que non teñen o máis mínimo valor arquitectónico. E outro tanto acontece coas rectangulares vivendas de pedra de xisto que dominaban entre Santiago e A Coruña. As aldeas son un conxunto caótico de casas de cemento, a carón doutras de pedra reformadas, moitas veces sen gosto, cando non misturadas con auténticos chales suízos con cuberta de lousa de Valdeorras. Non se me vai da memoria a imaxe dun lugar no que, nun primeiro plano aparecía unha casa de cemento coroada por unha caseta, a carón doutra reformada coa parte baixa de pedra e parte superior de ladrillo e, en segundo plano, unha construción de granodiorita de Porriño con balcón de ferro e tellado con torres redondeadas de lousa. ¡Penoso!.
Sen embargo tamén aquí disinto dos “expertos”. O preocupante non é só o aspecto horroroso das vivendas –o ben ou mal chamado feísmo- dado que, a postre, as vivenda poderíanse derrubar; o grave e o desartellamento territorial; o xeito de como se estrutura o territorio en Galicia sen o máis mínimo orde. Como xa teño escrito, no pasado era o valor de uso da terra ou do mar quen es marcaban en grande medida a estrutura territorial. A potencialidade do solo e a súa humidade condicionaba os asentamentos da poboación. Os mellores solos eran adicados as hortas e os máis húmidos a prados. E na costa, a existencia dun lugar ben resgardado servía de base para a instalación da poboación.
Cando se racha o sistema tradicional cámbea todo. Agora a terra non ten valor en función do que pode producir senón en relación as súas posibilidades de ser usada para construír. O importante non é o uso senón o valor de cambio. A mellor terra do pasado non é necesariamente o mellor solar no presente.
Nas últimas décadas, o crecemento urbano trouxo consigo a necesidade de terras para erguer vivendas e, en grande medida, os planos xerais de ordenación urbana non están deseñando cidades para vivir, senón lugares para construír. E así nos vai.
A falla dunha educación territorial na cidadanía galega provoca a falla de valoración do territorio e, consecuentemente, dos elementos que o constrúen/destrúen. Galicia/Galiza, é unha lingua, unha historia, unha cultura, máis, non o esquezamos, un territorio, un medio ambiente, unhas paisaxes construídas ao longo de séculos. O esquecelo trouxo como consecuencia a destrución das paisaxes e, consecuentemente, dunha parte preciosa do noso patrimonio común.