miércoles, 6 de diciembre de 2006

De sur a norte... ou de norte a sur

Podería ter sido o revés máis neste caso, fixen a viaxe entre Vigo e A Coruña nun rexional 598 –non sei o por que do nome, a verdade- que tarda en facer o recorrido unhas dúas horas. Ou sexa a unha media que non chega ós 80 km por hora. Un bo exemplo da calidade dos nosos transportes públicos. Por iso cando escoito falar do AVE como se fora a panacea do futuro sempre penso o bo que sería comezar arranxando a rede de transporte interior que é a máis empregada polos galegos antes de pensar en ir a Madrid ou a Porto.
Pero, voltando a viaxe, e deixando á beira a velocidade, a razón da miña reflexión de hoxe é a análise dos lugares, das paisaxes en suma, que se van encadeando entre as dúas grandes cidades de Galicia. E o primeiro que chama a atención é a sucesión de desfeitas materializadas en aldeas estragadas nas que cada casa e do seu pai e da súa nai... construtivo craro, a parte da propiedade. Non hai a máis mínima uniformidade. As vellas casas mariñeiras das rías baixas deixaron o seu lugar a outras que non teñen o máis mínimo valor arquitectónico. E outro tanto acontece coas rectangulares vivendas de pedra de xisto que dominaban entre Santiago e A Coruña. As aldeas son un conxunto caótico de casas de cemento, a carón doutras de pedra reformadas, moitas veces sen gosto, cando non misturadas con auténticos chales suízos con cuberta de lousa de Valdeorras. Non se me vai da memoria a imaxe dun lugar no que, nun primeiro plano aparecía unha casa de cemento coroada por unha caseta, a carón doutra reformada coa parte baixa de pedra e parte superior de ladrillo e, en segundo plano, unha construción de granodiorita de Porriño con balcón de ferro e tellado con torres redondeadas de lousa. ¡Penoso!.
Sen embargo tamén aquí disinto dos “expertos”. O preocupante non é só o aspecto horroroso das vivendas –o ben ou mal chamado feísmo- dado que, a postre, as vivenda poderíanse derrubar; o grave e o desartellamento territorial; o xeito de como se estrutura o territorio en Galicia sen o máis mínimo orde. Como xa teño escrito, no pasado era o valor de uso da terra ou do mar quen es marcaban en grande medida a estrutura territorial. A potencialidade do solo e a súa humidade condicionaba os asentamentos da poboación. Os mellores solos eran adicados as hortas e os máis húmidos a prados. E na costa, a existencia dun lugar ben resgardado servía de base para a instalación da poboación.
Cando se racha o sistema tradicional cámbea todo. Agora a terra non ten valor en función do que pode producir senón en relación as súas posibilidades de ser usada para construír. O importante non é o uso senón o valor de cambio. A mellor terra do pasado non é necesariamente o mellor solar no presente.
Nas últimas décadas, o crecemento urbano trouxo consigo a necesidade de terras para erguer vivendas e, en grande medida, os planos xerais de ordenación urbana non están deseñando cidades para vivir, senón lugares para construír. E así nos vai.
A falla dunha educación territorial na cidadanía galega provoca a falla de valoración do territorio e, consecuentemente, dos elementos que o constrúen/destrúen. Galicia/Galiza, é unha lingua, unha historia, unha cultura, máis, non o esquezamos, un territorio, un medio ambiente, unhas paisaxes construídas ao longo de séculos. O esquecelo trouxo como consecuencia a destrución das paisaxes e, consecuentemente, dunha parte preciosa do noso patrimonio común.

2 comentarios:

Juankar dijo...

Unha vez máis necesito meter o actual paradigma económico nos meus escritos. Os temas que Augusto nos regala neste blog son actuais, candentes e ó mesmo tempo comprometidos co actual devir da nosa comunidade. Unha das armas máis importantes para reclamar unha actitude coherente nos nosos gobernantes é utilizar os conceptos, as palabras, co seu significado real, non usar eufemismos que disfrazan a realidade socioeconómica, en definitiva, a realidade sociopolítica. A desmesura nos comportamentos económicos de Galicia non é máis que a consecución das modas relacionadas cunha estrutura produtiva e económica pouco ordeada, pouco consistente ou fundamentada. Séguese a máxima do capitalismo máis extremo, a de obter rendementos maiores a cada novo exercicio ou ano económico xustificando maquiavélicamente os medios mediante o fin que se persegue. Isto comporta que, sexa como sexa cada ano hai que quitar máis cartos, a costa de sufridores moi concretos: o traballador, os recursos naturais, os países do terceiro mundo, etc. Aquí en Galicia, como en comportamento económico somos un país tercermundista, sofren polo tanto os traballadores (con máis horas de traballo e soldos iguais ou inferiores, con maior precariedade laboral) e, con moita intensidade nos últimos tempos, os recursos do medio físico.

Como as clases empresarial e política son, na súa mayoría, curtas de vista de maneira interesada, non establecen un verdadeiro tecido produtivo e dilapidan os rendementos que se poden obter do aire, da terra e do océano. Así, como dice Augusto, converten o territorio nun espazo onde producir sen máis.
Benqueridos e benqueridas contertulios de blog, esta desmesura ven de seguir modas produtivas, que son a práctica máis irracional e derrochadora do sistema económico. Descubrimos os campos de aeroxeneradores e enchemos o territorio a calquer prezo destes armazóns de ferro; descubrimos o negocio das granxas agroalimentarias –aquí ven o eufemismo, pois son piscifactorías, pero este termo soa mal e prefiren utilizar o outro- e dilapidamos as potencialidades paisaxísticas e naturais das nosas costas en fábricas de peixe que dan moitos menos postos de traballo dos que din os seus interesados dirixentes. E agora, coidado, como di Augusto, xa que pode vir outra das modas que corrompan o hipotético aproveitamento equilibrado da biomasa forestal en col da prevención ante o risco de incendios.
Lembremos pois que esta actitude, ademais de atrasada e simplista nos sistemas produtivos actuais dos países máis desenvolvimos, serve para empobrecer o noso país, a nosa sociedade, outorgando riquezas rápidas e abultadas ós nosos políticos e á nosa clase empresarial, namentres sobre nós se pecha o cerco da degradación ambiental e os futuros rendementos negativos derivados deste comportamento económico de pillaxe e exterminio das potencialidades físicas do territorio.
E debido a qué sucede isto con tanta frecuencia e connivencia da clase dirigente, pois debido a que empresarios e políticos –repito, nunca porcentaxe elevada- buscan os rendementos e enriquecementos rápidos, a curto prazo. Os primeiros por motivos fundamentalmente económicos e, os segundos por motivos de inmediatez electoral e, porqué non, tamén por motivos económicos en non poucos casos.

Teñamos en conta que, como dicía o insigne Antoine de Saint Exupéry, nós non herdamos a Terra dos nosos pais, a tomamos prestada para os nosos fillos.

Juankar dijo...

Este comentario que veño de facer é realmente para o texto de Augusto "problemas de desmesura". Disculpade o erro.