domingo, 26 de noviembre de 2006

A necesaria planificación integrada do litoral

Vense de celebrar en Santiago de Compostela un congreso internacional sobre a planificación do litoral. O primeiro que me chamou a atención foi a presencia masiva de ponentes que viñan do eido da arquitectura e, algúns, menos, da xeografía humana. En suma: persoas que teñen como obxetivo o deseño: do litoral neste caso, das cidades, noutros. Non teño por que por en dúbida a sua capacidade para deseñar espacios, para concretar áreas adicadas a un uso ou a outro mais, vistos os resultados acadados ata agora, considero que teñen un escaso coñecemento da xeodinámica do territorio. Dias atrás falaba de que as augas voltaban sempre ao rego; hoxe podiamos engadir que as augas non so queren voltar ao rego nas áreas rurais ou rururbanas; tamén o fan nas urbanas como se ten ollado estes días en Santiago, Vigo, Ferrol... ou noutras cidades. ¿Quen deseñou os seus planos urbanos?. Non o sei con certeza; do que estou seguro é que non fumos os xeógrafos físicos; nin os xeólogos, nin os edafólogos, nin os biólogos... A ben seguro que foron arquitectos ou enxeneiros, na súa meirande parte. ¿Persoas sen formación técnica?. En absoluto. Persoas moi ben preparadas no seu campo de coñecemento. Entón, ¿que falla na planificación?. Sen dúbida algunha a integración de coñecementos. Non se pode planificar sobre un plano. É necesario coñecer a realidade física de calquera territorio: as variables xeomorfolóxicas, hidrolóxicas, edaficas, bioxeográficas..e, por suposto, socioeconómicas.
Collamos calquer plano de ordenación urbana e busquemos nel un estudo de tipo xeodinámico no que aparezan as formas do relevo, a sua evolución e a súa dinámica actual; que se reflicten os datos en mapas de unidades xeodinámicas. Non vai estar. Busquemos un mapa no que aparezan os solos ou as formacións vexetais, coas suas características. Non vai estar e, de estar, será unha simple copia do mapa de usos e aproveirtamentos. Busquemos información de tipo climático máis alá das medias de temperatura ou precipitación que non serven para nada. Estoume a referir a un listado de situacións sinópticas de tempo, que sen dúbida influen en episodios de máxima ou mínima precipìtación, na temperatura a nivel das ruas, en episodios de xeada. En suma de datos básicos a hora de construir edificios ou ruas, incluso os sumidoiros delas... Non vai estar. Como non vai estar un bo estudo de formacións superficiais, nin de riscos, nin de recursos hídricos ou de dinámica das augas que, de estar, terían impedido a urbanización das ribeiras non so dos ríos senón dos regos ou mesmo, das valgadas polas que, ainda que sexa de xeito esporádico poida correr a auga.
Toda a información debería ter sida en conta e para iso era necesario contar con equipas multidisciplinares na planificación territorial. Esta non pode ser un eido controlado dende antigo por certos especialistas. Ten que ser un eido a aberto a todos aqueles que teñan algo que aportar. Quen dirixa a equipa, iso si, é o de menos. O fundamental é, primeiro, coñecer ben a dinámica de calquer área e, posteriormente e en función do anterior, máis dos datos de tipo socioeconómico, por en marcha un plan de ordenación.
Todo o anterior ven a conto porque os mismos defectos que atopo na planificación dos concellos, nos chamados planos xerais de ordenación urbana, topoos á hora de por en marcha a planificación dos usos do litoral. O problema non estriba tanto na lexislación, -abundante na actualidade e válida se se fai cumpli- senón na planificación de usos. Estes teñen que estar necesariamente vencellados ao coñecemento sistémico do litoral que supón.
1.- Caracterizar as diferentes unidades xeodinámicas: praias, dunas, coidos, cantís, plataformas, ...
2.- Coñecer a súa dinámica evolutica.
3.- Saber cómo funcionan na actualidade.
4.- Caracterizar as variabies climáticas: tipos de tempo, máxima se mímnima sde precipitación, forza e direccións dos ventos...
5.- Coñecer o comportamento das augas continentais: cheas, periodos de retorno, caudais....

O funcionamento dos litorais non é uniforme. Nel entran en xogo variables litolóxicas, tectónicas, climáticas, oceanográficas... Non funciona igual os diferentes sistemas praia-duna ; nin as lagoas, marismas ou cantís. Nada teñen que ver os coidos coas praias de gravas, nin as furnas de granito coas de xistos. En suma: cada parcela é un mundo e como tal hai que tratala e planificala.
Moito se fala da destrucción do litoral mediterráneo, dos fortes procesos de erosión postos en marcha que fixeron retroceder moitos sectores; moito se fala do diñeiro necesario para arranxar agora os problemas de mantemento das praias que son motor importante da economía de moitas localidades. Sen embargo continuase a actuar de igual xeito na meirande parte dos casos. Seguense a urbanizar as praias, a rachar o transporte eólico, a canalizar os regos cando non a destruir as marismas, por certo, elementos básicos na producción de fitoplancton.
Parece evidente que o anterior pode ser admitido por moita xente porque os resultados de tal actuación están á vista. Entón, ¿por que se continuan a enfocar os temas do mesmo xeito?; ¿por que nun congreso sobre planificación do litoral se segue sen contar con especialistas que ofrezan a sua visión dinámica dos diferentes medios litorais?. ¿Tratase dun problema de corporativismo?. Sinceramente poidera ser e, ben seguro que hai arquitectos ou enxenieiros que consideran que eles son os únicos preparados para levar a cabo a planificación territorial. Outros, posiblemente nin se plantexen que pode haber outras persoas que poidan saber do tema e, incluso, que lles moleste que algún xeógrafo, xeólogo, edafólogo ou biólogo opinen do tema. Mais tamén estou seguro de que na meirande parte dos caos os encargados do planeamento seguen a pensar que o territorio é un escenario, estático por suposto, e que o único que hai que facer é dicir que facer en cada lugar sen máis. O importante neste caso é delimitar áreas en función de parámetros sociais ou económicos e nunca en relación a factores físicos. Ahí está o grave erro. ¿Quen ten que potenciar outro tipo de planificación?. O poder político. ¿Vaino facer?. Coa mau no corazón, son escéptico.

2 comentarios:

xosé manuel dijo...

Seguro que isto pode ser aceptado polos gremios que traballan no planeamento. Pero aínda hai un paso máis: que acepten a participación cidadana e qeu se faga unha campaña pola democratización do saber territorial: unha explicación de cómo se organiza o territorio e cómo funciona o ecosistema. Isto permitiría que os veciños poideran ter criterios para debatir sobre o futuro territorial que outros pensan para eles e que só buscan a lexitimidade das súas accións por medio das charlas informativas

Juankar dijo...

Sen dúbida, o corporativismo é algo moi desenvolvido no ámbito da enxeñería e a arquitectura, como se pode entrever da pechazón, a ese tipo de profesións, de moitas prazas de técnicos autonómicos territoriais e medioambientais. Que foron os grandes culpables da situación actual, ¡seguro!, xa que durante estas décadas non só se limitaron a dar licencias baixo a reglamentación vixente -non querendo entrar aquí no tema de que algúns ou moitos non cumpliran coa lexislación- senón que foron partícipes activos da da filosofía e confección dos Plans de Ordenación Municipal e plans territoriais supramunicipais. Supoño que a necesidade de manter o prestixio dunha determinada carreira e un colexio oficial asociado pode máis que a intención de actuar correctamente sobre o territorio. O poder político, económico, social e administrativo dos colexios oficiais de arquitectos e enxeñeiros é evidente, de tal maneira que crian unha rede de control institucional que os fai tremendamente influintes no devir da política territorial. Esta política é mal chamada territorial, xa que non busca o artellamento do espazo, simplemente intenta xenerar espazos legais de construcción e implantación de industria, coa planificación das súas necesarias vías de comunicación. E do medio físico, salvo os coñecementos de aptitude xeotécnica que deberían desenvolver os xeólogos por dereito e formación, non teñen nin idea. E non o digo de maneira despechada, as evidencias cantan.
Aínda estamos agardando que alguén, despois de medio século de errores garrafais, por neglixencia clara e desastre económico derivado para a administración pague con despido ou cárcere.
Estamos ante unha ordenación territorial de cementación selectiva e que para a sociedade responderá pronto ante a lei da rendibilidade decrecente.
Juan.