Lendo o que din Martiño e Juan, coido que é importante clarexar máis algunhas cousas. É certo que baixo o paraguas de "cambio climático" agochanse moitas cousas, máis non é menos certo que a perda da biodiversidade da que fala Martiño, non é únicamente un problema climático; é máis ben un problema antrópico, de actuación humana sobre o territorio. Unhas especies desaparecen porque cambia o clima, é certo, máis outras fanno pola presión humana. A erosión dos solos, por vía de exemplo, dramática en moitos lugares, é máis o resultado dun exceso de actividade sobre o medio que de clima ainda que, as condicións climáticas poden acelerar sen dúbida o proceso.
O anterior está introducindo un termo básico a ter presente en calquera espacio: sistema. Calquer territorio funciona como un sistema aberto no que entran en xogo factores e procesos moi diferentes, entreles o clima, máis tamén a topografía do terreo, os solos, as augas, a cuberta vexetal e, por suposto, a actividade humana. Por iso eu falo da necesidade de ampliar o concepto de "Cambio climático" a "Cambio ambiental" porque é certo que a actividade humana ten que, necesariamente afectar o clima, máis tamén ós solos, ás augas, á paisaxe, á fauna, á flora... a todo porque cada elemento do medio influe nos demáis e viceversa.
Hai un problema sen dúbida no meu discurso: o de poder dar a impresión de que o clima non é importante ou de que as condicións climáticas inducidas tampouco. En absoluto penso iso, porque ainda admitindo que o clima é cambeante por natureza igual que os ambientes, non é menos certo que a saude dos seres vivos está fortemente afectada pola acción dos diferentes grupos sociais. Cando se contaminan as augas, a ben seguro que non se está afectando o clima pero si os ecosistemas, os seres vivos que viven nelas. ¿Acaso alguen dúbida que en Galicia os ríos de agora non son os de antes?. En realidade moitos ríos -correntes de auga contínuas- xa non son realmente iso; son estanques encadeados que funcionan máis como lagos pechados que como outra cousa. ¿Afecta este feito o clima?. Sen dúbida que a nivel de neboas si, máis tamén e de xeito fundamental áfauna e á flora que habitaba no río. Como rapaz que viviu a carón do Miño podo dar fe de como aqueles conchos, sábalos, lampreas... que había no Ribeiro xa non existen. ¿De que falamos pois, so de "clima"?. Penso que hai que falar de "ambiente"; ou sexa cambiaron as condicións microclimáticas máis tamén os ambientes.
Chegado a este punto hai algo que salta a vista: a necsidade de enfocar o tema climático/ambiental dende moitas perspectivas e tanto sincrónicamente como diacrónicamente. Sería necesario, por iso, crear dende a administración un grande foro de debate no que estiveran representados os diferentes grupos de investigación ou persoas coñecedoras do tema a carón de movementos sociais para entre todos tentar de, por unha banda, saber o que pasou o longo da historia e , por outra, coñecer o que está a pasar e cómo planificar o futuro. Realmente a miña teima é esa: coñecer o pasado para entender o presente e poder planificar o futuro. Desgraciadamente tamé sei que a miña experiencia de trinta anos de investigación en temas paleoambientais ou a doutros investigadores galegos non son tidas en conta polos responsables de Medio Ambiente da Xunta. É curioso que a administración non conte co equipo que elaborou o Atlas Climático de Galicia, publicada por ela misma, no que no ano 1999 xa trataba o tema e que na actualidade está a traballar na resposta dos solos ós cambios nas montañas de Galicia e en Terra de Fuego. ¡Que lle imos facer!. ¡Ce la vie!.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario